miércoles, 24 de mayo de 2023

Imos de excursión a ... A Casa do Queixo!

No día de onte, as nenas e nenos de segundo, xunto con alumnado de outros cursos, tivemos a inmensa sorte de visitar un fermoso e interesante lugar no concello de Sobrado dos Monxes: A Casa do Queixo.

Tal e como nos suxire o seu nome, todas e todos nos imaxinamos que unha das actividades levadas a cabo foi a elaboración do noso propio queixo fresco, o cal posteriormente degustamos con moito gusto tralo traballo feito.

Durante esta saída coñecemos numerosas labores artesás típicas da nosa comunidade, entre as que destacamos a cestaría e a olaría, experimentando nas nosas propias mans a dificultade do traballo desta última.





Nesta fermosa paraxe rural non podían faltar as actividades relacionadas coa agricultura, ese importante sector que, xunto co gandeiro, foi un dos principais motores económicos da nosa comunidade durante séculos. 

Ainda que con un pouco de retraso no calendario agrícola, prantamos os nosos propios pementos de Padrón, os cales agardamos poder degustar en breves.



E, como colofón a esta xornada tan especial, coñecemos aos animais que viven neste fantástico lugar como o burro Platero, a egua Rosalía, a porquiña Pepa... e a outros moitos máis, os cales agasallamos co noso cariño e con algún pequeno petisco.









martes, 16 de mayo de 2023

17 de maio, Día das Letras Galegas

O 17 de maio é unha data moi importante para todas as galegas e galegos, xa que se celebra o Día das Letras Galegas. Esta celebración foi instituída pola Real Academia Galega no ano 1963 co fin de homenaxear a aqueles persoeiros que destacasen pola súa creación literaria ou pola defensa da nosa prezada lingua. Nesta edición enaltécese a figura de Francisco Fernández del Riego, escritor e fundador da Editorial Galaxia. 


No día de hoxe levamos a cabo numerosas actividades coas que rendimos tributo á lingua galega, piar fundamental da nosa cultura. Como cada ano non faltaron a esta cita a lectura, a escritura, a música ou as labores manuais; mais a actividade máis especial no día de hoxe foi a nosa participación no ObraAberto, unha celebración organizada polo Obradoiro CAB no cal se mesturaron a paixón polo noso idioma e un dos deportes favoritos da cidade compostelá: o baloncesto.









lunes, 15 de mayo de 2023

15 de maio, Día Internacional da Familia

Hoxe, como cada quince de maio, conmemórase o Día Internacional da Familia. Esta data foi proclamada pola ONU no ano 1993 co obxectivo de reinvindicar o papel e os valores dun dos núcleos máis importantes da nosa sociedade: a familia.

Entre outras actividades, as alumnas e alumnos de segundo traballamos os diferentes tipos existentes de familias a través do libro Un montón de familias, o cal recomendamos enormemente, e abordamos numeroso vocabulario sobre os graos de parentesco, os cales estamos desexando empregar nas vindeiras reunións familiares.