●
PRINCIPIOS METODOLÓXICOS.
1. Personalización da aprendizaxe.
O alumno está no
centro do noso Proxecto Educativo, é quen está chamado a liderar o seu propio
proceso de aprendizaxe. O currículo, a metodoloxía, o papel do profesor, a
avaliación, a organización e os espazos de aprendizaxe actualízanse e renovan
de tal maneira que respondan a esa personalización da experiencia de
aprendizaxe, que é o punto de mira esencial que tenta conducir toda a vida do
noso centro educativo.
Seguindo a
teoría desenvolvida por Howard Gardner, tentamos ofrecer a todos os alumnos
distintas oportunidades para progresar nos diversos campos relacionados coas
oito intelixencias: lingüística, lóxico-matemática, visual-espacial, musical, cinestésico-corporal, interpersoal, intrapersonal e naturalista.
Esta teoría
confírmanos que as diferenzas individuais son importantes, e por iso tentamos
responder a todas elas, potenciando en cada un dos nosos alumnos as súas
características particulares que lle permitan un maior progreso e aprendizaxe.
Cada alumno é
intelixente. Das oportunidades que lle deamos dependerá que poida desenvolver
as súas múltiples intelixencias, facendo que emerxa a súa autonomía na
aprendizaxe.
2. Globalidade e interdisciplinariedade.
Tradicionalmente
na escola viñemos parcelando e fragmentando moito as tarefas, os esforzos
persoais, as materias de traballo... Os nosos alumnos do século XXI non
aprenden desta maneira. Necesitan globalizar todos os esforzos e procesos que
se desenvolven dentro da escola, facendo que a aprendizaxe sexa único,
conxunto, interdisciplinar, coordinado, ao unísono...
Esta forma
global e interdisciplinar de aprender susténtase na significatividade das aprendizaxes, onde os
coñecementos e competencias que se adquiran na aula poidan ser utilizados en
calquera situación da vida cotiá que o requira.
Todo o que forma
parte da vida do neno, da súa realidade, debe conformar o currículo escolar: a
familia, a contorna vital, a actividade económica, política, social e cultural,
a actualidade do mundo, as noticias e acontecementos que nos permitan un mellor
coñecemento do mesmo...
A realidade do
mundo en que vivimos é sempre global, formando un todo interdependente e con sentido. As
matemáticas, a lingua, o coñecemento da contorna, a arte… forman parte dun
conxunto global de relacións e de saberes, non están separadas as unhas das
outras coma se fosen compartimentos estancos.
3. Aprendizaxe baseada no pensamento.
Cremos que a
escola de hoxe está chamada a superar algúns modelos anteriores, que primaban o
esforzo por encher a cabeza dos alumnos de ideas e datos, moitas veces
desconectados da experiencia.
Entendemos que
todo o traballo curricular e os distintos plans e programas que levamos adiante
están chamados a potenciar o desenvolvemento do pensamento dos alumnos, con
diferentes rutinas de pensamento e estratexias de metacognición.
A competencia de
aprender a aprender require coñecer e controlar os propios procesos de
aprendizaxe para axustalos aos tempos e as demandas das tarefas e actividades
que conducen á aprendizaxe. Desemboca nunha aprendizaxe cada vez máis eficaz e
autónomo.
Esta competencia
inclúe unha serie de coñecementos e destrezas que requiren a reflexión e a toma
de conciencia dos propios procesos de pensamento e aprendizaxe. Así, os
procesos de coñecemento convértense en obxecto do coñecemento e, ademais, hai
que aprender a executalos adecuadamente.
O adestramento
dos procesos de metacognición vai permitindo facer visible en cada alumno o
propio pensamento, potenciando esa competencia para aprender a aprender.
● ESTRATEXIAS METODOLÓXICAS.
1. APRENDIZAXE BASEADA EN
PROXECTOS.
A principal estratexia
metodolóxica na que se basea o noso proxecto educativo é a Aprendizaxe Baseada
en Proxectos (ABP). Este enfoque busca mellorar as condicións de aprendizaxe,
convertendo aos alumnos en protagonistas da súa aprendizaxe a través das
tarefas integradas no proxecto.
Ao igual que
outras metodoloxías que pertencen aos modelos sociais de aprendizaxe (Joyce y
Weil, 2002), a aprendizaxe baseada en proxectos senta as súas bases en
pedagoxías activas e segundo diversos autores nace no movemento de renovación
pedagóxica denominado Escola Nova e se nutre do construtivismo.
Tal e como
postulou John Dewey a única maneira de aprender é facéndoo e esta é a premisa
básica do traballo a realizar.
Potenciar a
reflexión e a creatividade, así como a autonomía e iniciativa dos alumnos, son
outros dos principios que engloban este tipo de aprendizaxe.
Ademais, son
numerosas as vantaxes deste tipo de metodoloxía:
- Facilita a inclusión e a atención á diversidade.
- Fomenta o traballo colaborativo e cooperativo para construír o
coñecemento.
- Incrementa a motivación dos estudantes.
- Promove o desenvolvemento das habilidades sociais e comunicativas.
- Conecta a aprendizaxe académica coa aprendizaxe informal.
- Permite o uso creativo da tecnoloxía
- Desenvolve o pensamento complexo (Railsback, 2002).
2. APRENDIZAXE COOPERATIVA.
A aprendizaxe
cooperativa é unha ferramenta metodolóxica que tenta aproveitar as enormes
posibilidades que ofrece a interacción social para potenciar a aprendizaxe de
todo o alumnado, independentemente do seu nivel.
A base da
aprendizaxe cooperativa está no que algúns autores chaman a "tríada
cooperativa", as tres premisas básicas que habemos de promover para
asegurarnos unha mínima eficacia neste traballo cooperativo:
1-
A interdependencia positiva. É
necesario que os alumnos se necesiten para facer o traballo, que todos sexan
imprescindibles, xa que en caso contrario algúns non serían tidos en conta para
a realización da tarefa. * Necesítanse uns a outros?
2- A
participación equitativa. É fundamental que todos os membros do equipo
poidan participar minimamente na realización das propostas, para que todos
teñan a oportunidade de desenvolver os procesos necesarios para aprender. * Poden participar todos?
3- A
responsabilidade individual. É básico que sexamos capaces de comprobar o
que fixo cada un dentro da dinámica de traballo do equipo, promocionando unha
mínima responsabilidade individual que garanta a implicación dos distintos
membros do equipo. * Podemos comprobar o que sabe
cada un?
A través do
traballo en grupo, os alumnos conseguen adoptar uns obxectivos comúns e obter
resultados beneficiosos para todos.
As vantaxes
deste tipo de metodoloxía son claras e moi beneficiosas para todo o alumnado,
asegurando unha adecuada atención á diversidade da aula:
- Desenvolve actitudes positivas cara a aprendizaxe.
- Promove as relacións entre os alumnos.
- Desenvolve habilidades interpersoais e estratexias para resolver
conflitos.
- Desenvolve a tolerancia, o respecto, a flexibilidade e a apertura cara os
demais.
- Diminúe os sentimentos de illamento de cara á aprendizaxe.
- Educa en valores de cooperación, solidariedade e xenerosidade.
Co fin de que
esta Aprendizaxe Cooperativa se desenvolva, a docencia leva a cabo diferentes
técnicas, que non só potencian o traballo en grupo dun xeito global, senón que
garanten que dito traballo se converta en cooperativo e os obxectivos propostos
se acaden.
3. MÉTODO DIDÁCTICO.
O método didáctico que se desenvolve en canto
á organización da materia é o método baseado na psicoloxía do alumno, xa
que a orde elixida para presentar os contidos parte dos intereses e
experiencias do alumno e daquilo que coñece cara o descoñecido.
Por outro lado, en canto a súa relación coa
realidade o método é intuitivo, xa que o que se pretende é acercarse á
realidade do alumno o máis posible. Isto realizarase a partir de actividades
experimentais que permitan ao alumno probar e comprobar.
Ademais, en canto ás actividades o método é activo,
xa que conta coa participación do alumno e o mesmo método e as súas actividades
son as que logran a súa propia motivación.
En relación á sistematización de coñecementos
o método considérase globalizado, xa que a partir dun centro de
interese, as clases desenvólvense abarcado un grupo de áreas, materias e temas
de acordo coas necesidades. Considérase que o importante non son as materias
senón o tema que se trata.
Por último, en canto á aceptación do ensinado por parte do alumno, o método
é heurístico ou de descubrimento, xa que o que prima é a comprensión por
diante da memorización; o mestre presenta os elementos da aprendizaxe para que
o alumno os descubra.
O rol do docente
e do alumno constatan un xiro en relación aos modelos tradicionais, pasando
este último a ser protagonista da súa aprendizaxe.
O docente, neste
marco pedagóxico que estamos a deseñar, pasa de ser un informante a ser un
creador de experiencias enriquecedoras de aprendizaxe. Por tanto, a función
docente de dar clase evoluciona da mera transmisión de coñecementos a outra que
consiste en guiar, mediar e facilitar a aprendizaxe construtiva, apoiado na
idea da resolución e o desenvolvemento de proxectos.
5. USO DAS TIC.
No mundo actual
son numerosos os esforzos que se veñen realizando nas últimas décadas para
transformar a ensinanza e a aprendizaxe, e que seguen en constante
desenvolvemento. Deste xeito, son varios os factores que se veñen conxugando no
paso dos últimos anos e que son a clave para levar a cabo a tan ansiada
renovación pedagóxica.
En primeiro
lugar, as taxas de adopción das tecnoloxías para usos sociais e comunicativos
que as novas xeracións manexas e utilizan na súa vida diaria cada vez antes.
Este factor predispón a todos estes xoves a traballar nas escolas dun xeito
diferente, incluíndo a tecnoloxía.
En segundo
lugar, outro dos factores que exerce unha gran influencia nesta renovación son
as numerosas empresas que ofrecen servizos con contidos educativos; a densidade
desta oferta que se presenta dun xeito gratuíto é enorme e supón un dos
recursos máis importantes para os docentes.
O terceiro
factor é a dispoñibilidade de dispositivos de uso individual, como as tabletas,
que están igualmente ao alcance dunha proporción moi elevada de alumnos e
practicamente tódolos docentes son grandes usuarios destes dispositivos.
Dentro de todo
este contexto informatizado e asociado coas novas tecnoloxías, a nosa
metodoloxía está marcada polo uso de tabletas. Cada neno disporá dunha tableta
para o seu uso persoal e que facilitará o traballo dos contidos dentro da aula
e fora dela.
Para o traballo
diario na aula coas tabletas e as novas tecnoloxías, combinamos basicamente
dous proxectos tecnolóxicos de aplicación na escola: Samsung School e Google
Suite. Estes proxectos permítennos a xestión e o control moi directos do
traballo na aula, tanto individual como
grupal.
Preténdese
potenciar a motivación dos nenos de cara á aprendizaxe, ofrecerlles a
posibilidade de acceder á información a través do uso da internet, utilizar
múltiples e variadas aplicacións que promoven unha aprendizaxe activa e
interdisciplinar, que aprendan a utilizar as novas tecnoloxías dun xeito
responsable, que accedan á información e a analicen dun xeito crítico, que
aprendan a comunicarse co mundo que os rodea, e que as novas tecnoloxías sexan
un recurso favorable no seu proceso de aprendizaxe.
6. FOMENTO DA LECTURA.
A lectura é un
tipo de actividade instrumental que se traballa de maneira case inconsciente e
continua durante o transcurso de moitas das sesións das diferentes materias.
Se hai unha
aprendizaxe básica nesta etapa de Educación Primaria esa podería ser a lectura,
que permite abrir a porta do resto de tarefas e aprendizaxes a desenvolver.
Unha vez adquiridas as destrezas básicas, tanto expresivas como comprensivas, o
alumno terá nas súas mans a ferramenta fundamental para desenvolver todo tipo
de proxectos e tarefas que o profesor lle presente diante.
A través do
traballo de busca e pescuda de información para os diferentes proxectos os
nenos deben realizar un exercicio de comprensión lectora que lles permita
transferir os datos atopados e solucionar os problemas propostos.
Nos cursos máis
avanzados da etapa, usarase o dicionario con frecuencia para a busca de novas
palabras relacionadas coa materia, e polo tanto estarase potenciando a
adquisición de novo vocabulario.
O principal
obxectivo é propiciar un acercamento á lectura e crear unha posterior afección.
E en está tarefa están comprometidas e implicadas todas as materias do
currículo, non exclusivamente as lingüísticas.
7. EDUCACIÓN EN VALORES.
Os elementos
transversais que se propoñen no Decreto 105/2014, son unha parte fundamental do
proceso que axuda ás persoas a construírse racial e autonomamente, a formarse
como individuos sociais capaces de integrarse na sociedade que os rodea.
Deste xeito, en
todas as actividades do centro este tipo de elementos transversais estarán
presentes, e dentro de cada materia traballaranse dun xeito máis específico.
• A comprensión
lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual e as TIC, como
base de toda disciplina, sexa cal sexa o seu enfoque, traballaranse en todas as
actividades propostas desde o centro.
• Educación
moral e cívica. Todas as actividades baséanse no respecto e o diálogo, en
aprender a escoitar aos demais, aceptar as opinións e críticas e en saber
aportar as novas propias de xeito educado e sen ofender nin facer dano aos
demais. Ademais favorecerase a calidade, equidade e inclusión educativa das
persoas con discapacidade, e favorecerase en todo momento a igualdade de
oportunidades e a non discriminación a través de medidas de flexibilización,
alternativas metodolóxicas e todas aquelas medidas que sexan necesarias para
conseguir que todos os alumnos poidan acceder a unha educación de calidade en
igualdade de oportunidades.
• Educación para
a igualdade entre os sexos. Desde sempre existiron roles moi significativos
entre os dous sexos derivados de estruturas sociais ancestrais, que hoxe en
día, pouco a pouco se van superando. Na aula modificarase calquera hábito
discriminatorio polo sexo e procuraranse actividades que non impliquen tal
situación. A tal efecto, coidaranse as tarefas, debuxos e vocabulario, e
fomentarase que todo o mundo realice todos os exercicios e actividades
propostas.
• Educación para a paz e a
tolerancia. A través das actividades realizadas na aula promoveranse
aprendizaxes de prevención e resolución pacífica de conflitos en todos os
ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como dos valores que sustentan
a liberdade, a xustiza a igualdade, o pluralismo político, a paz, a democracia,
o respecto polos dereitos humanos e o rexeitamento da violencia terrorista e a
pluralidade.
• Educación ambiental. Foméntase a toma
de conciencia da realidade global que nos rodea, do tipo de relacións que os
humanos establecemos coa natureza e dos problemas derivados por ditas relacións
e as súas causas. A través deste tipo de accións o que se pretende é
desenvolver as habilidades e aptitudes necesarias para que exista unha
transformación e se mellore o entorno. Dun xeito máis concreto realizaranse
actividades que rexeiten a contaminación sonora, que fomenten o coidado cara os
seres vivos, de reutilización e reciclaxe de obxectos desde o propio centro,
así como a través da toma de conciencia da importancia da redución e uso
adecuado da auga.
• Educación para
a saúde. Traballarase a partir da práctica de hábitos de hixiene persoal,
alimentación variada e de exercicio físico regulado, así como do fomento da
importancia do descanso diario.
• Responsabilidade e educación
consumista. Fomentaranse actitudes críticas fronte ao consumismo excesivo
presente na nosa sociedade tratando de crear hábitos de consumo responsables e
coherentes.
Os valores
que sosteñen o
centro e que
á vez queremos
transmitir aos nosos alumnos
explicitan de maneira
concreta, segundo recolle o noso Carácter Propio, a nosa visión do
mundo.
Son cinco
valores concretos (responsabilidade, creatividade, convivencia, xustiza, interioridade) pero
entendidos de maneira
ampla, de forma
que engloban outros moitos que
tentamos traballar de maneira continua.
RESPONSABILIDADE.
Axudamos aos alumnos a
tomar decisións coherentes
cos seus valores
e crenzas, conscientes das obrigacións e consecuencias que diso se
derivan. Os alumnos atopan
oportunidades para exercer
este valor na
fidelidade á palabra dada, no
traballo persoal, na participación na vida escolar, no cumprimento das normas
consensuadas, no desenvolvemento de hábitos de orde e puntualidade...
CREATIVIDADE.
Contribuímos ao crecemento persoal estimulando a capacidade de creación, de
iniciativa e de ver as cousas de forma diferente. Os alumnos atopan axudas
para alcanzar a autonomía, a
resolución de problemas, o desenvolvemento da orixinalidade, a intuición e o
espírito crítico, que lles permitan ter unha
amplitude de miras,
flexibilidade de pensamento,
aprecio pola dimensión estética e
capacidade de establecer metas e proxectos.
CONVIVENCIA.
Impulsamos a aceptación
mutua, o traballo
en equipo, as
relacións fraternas, a confianza, a
comunicación e o
respecto das opinións
e crenzas, sempre
que se respecten os dereitos
humanos, os valores cristiáns e os principios democráticos. Os alumnos aprenden
a respectar a diversidade e
singularidade de cada un, a apertura cara a persoas e institucións, a
participación no exercicio
democrático, o desenvolvemento da
amizade e o aprecio da propia cultura.
XUSTIZA. Favorecemos a adquisición dunha conciencia
social, de hábitos e actitudes de
servizo, de axuda gratuíta e de adhesión a proxectos solidarios. Insistimos na importancia da paz, a ecoloxía,
a cooperación e o voluntariado. Os
alumnos aprenden xuntos a tomar conciencia das inxustizas sociais e a
comprometerse en favor dunha sociedade máis xusta e fraterna.
INTERIORIDADE.
Potenciamos experiencias que permiten a expresión de vivencias e sentimentos, a
reflexión, a sinceridade, a capacidade de empatía e admiración, valoración do silencio, o
desenvolvemento da autoestima e o desexo de autenticidade. Os alumnos atopan no
centro un lugar para a experiencia onde
comprender e interpretar os feitos, interiorizar o que sucede no mundo e
construír un proxecto de vida no que integren nun todo harmónico as ideas, as
crenzas, os valores e os
comportamentos.
8. ATENCIÓN Á DIVERSIDADE.
A aula é un
lugar totalmente falto de uniformidade, o que obriga ao profesorado a idear
continuamente novas estratexias que dalgunha forma axuden aos seus alumnos no
desenvolvemento da materia.
Independentemente
da existencia dun alumnado con necesidades específicas de apoio educativo,
ANEAE, a aula é un lugar no que existen todo tipo de casos, non
obrigatoriamente pertencentes ao exemplo anterior, senón simplemente con
dificultades na aprendizaxe ou polo contrario cunhas capacidades intelectuais
superiores.
As actividades
que se propoñen para tratar os casos de diversidade baséanse na variedade para
satisfacer así á maioría dos alumnos e dalgunha forma fomentar continuamente a
motivación destes; por outro lado, ofrecer a posibilidade de opinar e
expresarse é sempre unha prioridade.
O traballo
cooperativo fomenta o traballo en equipo e a axuda entre todos os membros do
mesmo, favorecendo a aqueles con máis dificultades e dando a posibilidade aos
máis avantaxados de mostrar os seus coñecementos e poñelos en práctica ante o
resto.
Deste xeito, a
través deste tipo de actividades preténdese chegar á diversidade da aula. Para
todos aqueles nenos que teñen maiores dificultades proponse un reforzo
educativo. Ademais, para traballar co alumnado que presenta unhas capacidades
superiores proporanse actividades de ampliación que os motiven na materia e que
os permita avanzar ao seu propio ritmo.
O traballo por
proxectos tamén axudará a que cada neno alcance uns contidos comúns mínimos e
despois poida investigar e avanzar neles todo o que se atope no alcance das
súas posibilidades.
Por último, cabe
destacar que existe a posibilidade de realizar adaptacións curriculares
significativas, nas que vistas as características e posibilidades dalgúns
alumnos se modificarían os elementos básicos do currículo.
9. XADREZ NO AULA.
Un dos eixos
conceptuais do noso método de xadrez na aula é o marco do ensino para a
comprensión, o cal serviu para o deseño da guía do mestre e as pezas dos
alumnos. O propósito de usar este marco é contar cunha visión da educación que
fomente a comprensión dos estudantes.
Segundo esta
visión, a verdadeira comprensión dun tópico depende en gran medida do que o
alumno pode facer con el. Neste contexto, David
Perkins define así a comprensión: «Comprender algo é ser capaz de pensar
e actuar flexiblemente co que sabemos
para resolver problemas, crear produtos e interactuar co mundo que nos rodea».
Por tanto, a
comprensión é un asunto de acción, non só de coñecemento de algo, senón do que
se pode facer co que se sabe. Trátase de pensar e actuar de maneira flexible
nun contexto diferente. Para logralo, requírese o desenvolvemento do
pensamento, e é neste sentido que o método de xadrez na aula atopou na noción
de «comprensión» unha oportunidade inigualable.
Co obxectivo de
traballar a comprensión, a atención e a concentración, entre outros aspectos,
traballarase o xadrez na aula. O propósito principal é que os alumnos aprendan
a pensar e actuar dun xeito flexible e nun contexto diferente.
O que faremos
será converter a aula nun ximnasio mental para desenvolver o pensamento e
fomentar os valores e as habilidades sociais nos nosos nenos.
A organización
deste método consta de varias sesións que se repartirán entre todas as
materias, para que se realice dun xeito global e sempre relacionando os
obxectivos a traballar coa materia que máis relación teñan.
10.
GAMIFICACIÓN.
A gamificación é
unha técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito
educativo, co fin de conseguir mellores resultados: serve para absorber
coñecementos, para mellorar habilidades, para recompensar accións concretas...
Unha das claves
principais ao aplicala é que os alumnos teñan perfectamente asimiladas as
dinámicas de xogo que levarán a cabo. Todas elas teñen por obxecto implicar ao
alumno para xogar e seguir adiante na consecución dos seus obxectivos mentres
se realiza a actividade.
Calquera
actividade realizada en contexto da gamificación busca lograr tres claros
obxectivos: por unha banda a fidelización co alumno, ao crear un vínculo co
contido que se está traballando; doutra banda busca ser unha ferramenta contra
o aburrimento e que fomente a motivación; finalmente quere optimizar e
recompensar ao alumno naquelas tarefas nas que non hai ningún incentivo máis
que a propia aprendizaxe.
11.
EDUCAR O TALENTO EMPRENDEDOR.
O talento
emprendedor é froito de todas as capacidades e habilidades que durante a
infancia e a adolescencia adestramos nas diferentes contornas educativas, desde
a escola e a familia ata os espazos de lecer ou os medios de comunicación.
É o talento que
permitirá aos nenos e os mozos afrontar a vida con enerxía, responsabilidade,
capacidade de liderado e traballo en equipo, creatividade, valentía e eficacia.
Levaraos a escoller a súa profesión e vivir o seu traballo como unha forza
transformadora da sociedade, pero tamén a deseñar a súa vida persoal coa
fortaleza necesaria para aprender dos fracasos, con sabedoría para gozar dos
éxitos, e coa liberdade que necesitan para escoller o que queren ser.
Temos como reto
introducir a competencia de aprender a emprender na práctica ordinaria
educativa do noso centro, a través da implementación e avaliación de proxectos
nos que o emprendemento sexa un factor fundamental, e así ir promovendo unha
auténtica escola emprendedora.
O ensino por
competencias é un instrumento idóneo para adestrar e desenvolver de maneira
sistemática todas estas habilidades na persoa, e en canto á competencia de
aprender a emprender, descansa sobre catro eixos:
-
desenvolvemento da autonomía persoal,
- capacidade de
liderado e traballo en equipo,
- capacidade de
innovación e planificación,
- xestión eficaz
de todo tipo de recursos.
12.
COMPROMISO SOCIAL NA CONTORNA.
A educación
social e o compromiso coas necesidades da nosa contorna é unha dimensión
importante na acción educativa do noso centro Casa do
Neno. Este valor achega unha faceta nova ao noso centro, unha
alternativa de vida e un estilo de configurar a persoa, é unha proposta
integral e non un elemento illado na educación, incide nas opcións do centro e
nos criterios educativos.
Como educadores
debemos ser os primeiros en vivir esta dimensión social no noso estilo de vida,
nas nosas opcións, na nosa maneira de tratar aos alumnos, na dedicación aos
alumnos máis necesitados, na nosa responsabilidade na formación sobre estes
temas…
Para educar dunha maneira crítica e
comprometida co mundo temos que centrarnos principalmente na adquisición das
seguintes actitudes (para educadores e alumnos):
-
Promover a capacidade de “abrir os
ollos” para ver as realidades inxustas próximas ou máis afastadas, provocadas
directa ou indirectamente por nós.
-
Xulgar as realidades de necesidade, ter
unha capacidade crítica para preguntarse sobre as causas das inxustizas
sociais.
-
Comprometernos a favor dos máis
necesitados, con xestos concretos que nos encamiñen cara a accións de
solidariedade verdadeira.
-
Posibilitar unha educación en valores
que motive esta base educativa, desenvolvidos a través dos eixos transversais,
titorías, campañas,…
13. INICIACIÓN Á
ROBÓTICA.
O novo marco
curricular do sistema educativo galego trata de garantir que o alumnado adquira
non só coñecementos curriculares, senón, tamén, que acade as competencias clave
para o seu pleno desenvolvemento persoal e social. Para isto faise necesario
utilizar estratexias metodolóxicas activas, recursos que o alumnado identifique
como motivadores e próximos á súa realidade tecnolóxica e un enfoque
interdisciplinar da aprendizaxe.
Neste senso, a
robótica educativa pode xogar un papel destacado xa que permite traballar as
áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM nas súas siglas en
inglés). E levando adiante esta estratexia metodolóxica buscamos introducir de
maneira curricular a robótica e o pensamento computacional, e polo tanto a
programación, xa desde a etapa de Educación Primaria.
A nosa proposta
de robótica educativa integrada no traballo curricular desenvólvese a partir de
varias liñas de traballo:
·
Fomenta a autonomía dos alumnos e
involúcraos activamente na súa propia aprendizaxe.
·
Potencia diversas habilidades: creatividade,
experimentación, investigación, atención, concentración, organización, toma de
decisións...
·
Promove a capacidade de resolver
problemas, potenciando un razoamento lóxico, analítico e crítico.
·
Permite a integración de distintas áreas
curriculares, a través de actividades lúdicas e resolución de retos.