domingo, 29 de enero de 2023

Comezamos o noso novo proxecto: GREENLANDIA

GREENLANDIA é o nome do novo proxecto que desenvolveremos nesta segunda avaliación, mediante o cal exploraremos verdes e frondosos lugares para descubrir numerosos aspectos sobre o medio ambiente.


Como comezo do mesmo recibimos a visita dun estraño feiticeiro chegado de lonxanas e verdes terras, o cal se presentou na nosa aula coa finalidade de transmitirnos o poder e a maxia que posúe a auga e a súa  importancia para co coidado e preservación do medio ambiente.






lunes, 23 de enero de 2023

Celebramos a aprendizaxe

O pasado xoves foi un día moi especial para todas e todos nós, xa que recibimos unha visita que levábamos tempo agardando: a das nosas familias. 

Mais... cal foi o motivo desta visita? 

As alumnas e alumnos de Educación Primaria de Casa do Neno levamos a cabo a Celebración da Aprendizaxe, unha ocasión de conmemorar o aprendido durante a elaboración e posta en práctica do noso proxecto titulado Nin pés nin cabeza, e durante a cal as nosas familias puideron coñecer a través das nosas explicacións todo o traballo levado a cabo durante meses. 

Debemos recoñecer que nalgúns momentos estabamos algo inquedos e nerviosos, mais a presenza das nosas familias e os seus rostros de orgullo e emoción provocaron en nós un gran sentimento de felicidade que eliminou por completo todos os malos pensamentos.

Que dicirvos mamás, papás, avoas, avós, irmáns...? Pois simplemente grazas, moitas grazas por acompañarnos, apoiarnos e ser partícipes da nosa aprendizaxe.

Agardámosvos para a seguinte!









lunes, 16 de enero de 2023

OS AMIGOS INVISIBLES

 Como colofón as clases de relixión do primeiro trimestre do curso, estes días fixémonos entrega dos agasallos dos amigos invisibles na nosa clase!

Cada un de nós preparou algo para un compañeiro ou compañeira que nos tocou ao azar, e saíron cousas chulísimas!

Postais, debuxos, manualidades e incluso algunha lambetada! Un montón de cousas para celebrar valores como o compañeirismo ou a amizade cos compañeiros e compañeiras da nosa clase.

Desfrutamos un montón e deixámosvos aquí algunhas fotos para que vexades algúns dos agasallos.





E logo, despois de recibir os nosos respectivos agasallos, fixemos a rutina de pensamento "Palabra, idea e frase", na cal tivemos que escribir a primeira palabra que se nos veu á cabeza ao pensar nesta actividade. Despois, unha pequena idea con 3-4 palabras sobre a actividade e, finalmente, unha frase para describir a mesma.