martes, 8 de junio de 2021

PRODUTO FINAL

Rematando xa o trimestre, presentamos o produto final do noso proxecto "Nunca choveu que non escampara".

O produto final dun proxecto é unha actividade ou acción que busca implicar a outras persoas nunha boa acción na que se amose o aprendido durante o proxecto.

Durante estas semanas estivemos coñecendo e reflexionando sobre a impprtancia da auga na nosa vida e sobre as accións cotiás que realizamos a favor, ou non, dun bo uso da auga.

Así que como produto final, quixemos animar aos nosos compañeiros do cole a realizar, nas súas casas, accións cotiás moi sinxelas que axudan a facer un bo uso da auga. Accións como pechar a billacando esteamos enxabonando as mans ou o corpo, ducharnos en vez de bañarnos, empregar un vaso con auga para limpar o cepillo de dentes...

Pensamos que un bo xeito de animar a realizar estas accións é a través dun cartel con códigos QR, que se poden ler tanto con teléfono móbil, como con tableta, ou chromebook, tendo instalada unha aplicación lectora de códigos QR.

Cada código leva "escondido" un vídeo, realizado por un neno ou nena da nosa clase, amosando unha boa acción.

Pero tamén reflexionamos sobre boas accións que xa realizamos no noso cole e que moitas veces non somos conscientes delas. Para o que fixemos un segundo cartel amosando esas boas accións como o uso das tabletas en vez de libros (para facer papel empréganse grandes cantidades de auga), botellas e xarras reutilizables e recheables, os mandos das billas dos baños...

Para amosar todo este traballo gravamos un par de vídeos de presentación para os nosos compañeiros.

Aquí presentamos todos os vídeos e carteis nun vídeo recopilatorio.