lunes, 23 de enero de 2023

Celebramos a aprendizaxe

O pasado xoves foi un día moi especial para todas e todos nós, xa que recibimos unha visita que levábamos tempo agardando: a das nosas familias. 

Mais... cal foi o motivo desta visita? 

As alumnas e alumnos de Educación Primaria de Casa do Neno levamos a cabo a Celebración da Aprendizaxe, unha ocasión de conmemorar o aprendido durante a elaboración e posta en práctica do noso proxecto titulado Nin pés nin cabeza, e durante a cal as nosas familias puideron coñecer a través das nosas explicacións todo o traballo levado a cabo durante meses. 

Debemos recoñecer que nalgúns momentos estabamos algo inquedos e nerviosos, mais a presenza das nosas familias e os seus rostros de orgullo e emoción provocaron en nós un gran sentimento de felicidade que eliminou por completo todos os malos pensamentos.

Que dicirvos mamás, papás, avoas, avós, irmáns...? Pois simplemente grazas, moitas grazas por acompañarnos, apoiarnos e ser partícipes da nosa aprendizaxe.

Agardámosvos para a seguinte!