jueves, 13 de diciembre de 2018

A nosa familia medra

A nosa escola non é solo un lugar no que aprender a ler, a escribir, a sumar e a restar. En todo momento intentamos que o día a día entre nas aulas e que todo o que facemos teña un sentido. 
Aí é onde entra en xogo un dos pilares fundamentais da nosa metodoloxía, que é o traballo por proxectos. 

Cando empezamos "Outra vaca no millo" tiñamos por obxectivo tomar contacto co mundo rural, coa natureza, coa vida no campo, os animais... e vaia se o fixemos!

Hoxe fai 24 días que empezamos a aventura de incubar uns ovos. Día a día, con moito cariño e dedicación coidámolos para que saísen adiante e o martes, por fin, chegou o primeiro de todos. 

Como bo primoxénito, decidimos poñerlle un nome adecuado e escollemos "Píopío". Nas horas seguintes, comezaron a chegar os demais, e deixamos de distinguilos... Primeiro eran tres, despois seis, ao día seguinte o número duplicouse... 

Os nosos pitiños xa son parte da familia de Casa do Neno. Ver as caras de ilusión de todos os pequenos, as ganas coas que entran na clase verde para saudar aos seu novos amiguiños, o respecto co que os tratan... solo por iso merece a pena todo o esforzo e traballo das últimas semanas. 

Sen dúbida unha experiencia única. Os pitiños estarán con nós unha semaniña máis e despois volverán á súa granxa de orixe para que unha marabillosa familia coide deles como se merecen e poidan vivir nun hábitat máis adaptado e mellor para eles. 

Gracias a todos os que fixéstedes posible que toda a comunidade educativa de Casa do Neno poidese vivir esta experiencia. 

Deixámosvos fotos e algún vídeo de todos estes días tan intensos na clase. 

Fai clic na imaxe para ver máis.