Dentro do noso proxecto "Nunca choveu que non escampara" estivemos coñecendo a importancia da auga na vida do noso planeta, tanto para a natureza, os animais, as plantas e as persoas.
Tamén traballamos as súas características como que non ten cor, nin sabor, que pode cambiar de estado...
E seguimos coñecendo a importancia deses cambios de estado que se producen no entorno natural. O que se chama o ciclo da auga. Primeiro vimos varios vídeos explicativos sobre o prpceso deste ciclo e os nomes que reciben, vendo tamén en que estado está a auga en cada un deles. Completamos tamén varias fichas interactivas que nos axudaron a comprender mellor o ciclo da auga e un debuxo que nos serviu para avaliar, xunto cunha diana de autoavaliación, o que aprendimos durante este traballo.
Despois, por equipos, elboramos o noso propio pequeno ciclo da auga para ver mellor, e máis de cerca, como se produce e poidamos comprendelo mellor. A profesora repartiunos os materiais necesarios (bolsa tipo peche zip, debuxo do ciclo da auga, rotulador permanente, auga e colorante azul). Cada un do equipo realizou un dos pasos necesarios para completar o traballo (un debuxou o ciclo na bolsa, outro escribiu os nomes, botar un pouco de auga e botarlle unhas gotiñas de colorante azul). Completamos tamén unha diana de coavaliación para valorar o noso traballo en equipo.
Despois colocamos os nosos ciclos da auga nunha porta exterior no corredor, diante da nosa clase, onde lle poida dar a luz do sol e os cambios de temperatura.
Despois de varios días, cada equipo observou o seu ciclo da auga e reflexionou sobre os pasos que se estaban dando dentro da bolsa.