Seguimos traballando e profundizando na importancia da auga nas nosas vidas e como facemos uso da mesma.
Despois de coñecer o ciclo da auga na natureza, tocaba coñecer o ciclo da auga nas cidades, porque as persoas, coas nosas accións diarias, tamén afectamos ao noso entorno, creando, como é o caso, o noso propio ciclo da auga para as diferentes poboacións.
Na nosa cidade de Santiago de Compostela, a empresa que xestiona a auga urbana é Viaqua e con eles contactamos, a través de Marta, unha das nais do noso curso, que alí traballa e que se conectou con nós, a través de Meet, para explicarnos todo o camiño que segue a auga pola nosa cidade.
Este camiño vai dende que se recolle a auga do río Tambre, na potabilizadora, ata que volve saír, de novo, limpa, ao río Sar. Por ese longo camiño, vai pasando por grandes depósitos, por canalizacións, polas nosas casas... ata chegar á depuradora, a onde chega con todo tipo de acumulacións e suciedades polas que esta auga ten que ser tratada e depurada para regresar de novo á natureza.
Vimos a importancia dun bo uso da auga e como, ás veces, tiramos á mesma cousas que non son apropiadas e que dificultan moito os traballos de limpeza e rexeneración da auga, como é o caso das toallitas, as mascarillas, etc.